As tapas pontevedresas farán un periplo por España para promover a nosa gastronomía

Pontevedra
23 de setembro 2014

Turismo de Galicia presentou este martes en Barcelona a campaña "De tapas por Galicia", que forma parte do seu periplo polas principais cidades españolas para promover durante este outono a gastronomía e o turismo da terra

Carlota Román na presentación de "De tapas por Galicia"
Carlota Román na presentación de "De tapas por Galicia" / Concello de Pontevedra

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou este martes en Barcelona a campaña "De tapas por Galicia", que forma parte do seu periplo polas principais cidades españolas para promocionar durante este outono a gastronomía e o turismo da terra cunha campaña conxunta na que por primeira vez participan xunto a Pontevedra as outras seis grandes cidades galegas, cos seus respectivos xefes de cociña.

Todas elas convocarán o seu propio concurso de tapas, que se aglutinarán finalmente para premiar á "Mellor tapa de Galicia maridada pola mellor cervexa", co mecenado da firma Estrella Galicia, dende setembro ata o 8 de decembro.

As persoas que envíen á web "De tapas por Galicia" unha foto coa súa proposta de tapa participarán nun concurso e os seus gañadores serán premiados cun fin de semana nun hotel de Galicia ou con tiques para degustar tapas gratuitamente.

A concelleira de turismo de Pontevedra, Carlota Román, glosou neste acto as bondades gastronómicas da cidade do Lérez e o xefe de cociña pontevedrés Iñaki Bretal preparou unha crema de boletus cun ovo poché e labras de millo.