As recentes medidas de mobilidade peonil e estacionamento anunciadas polo Concello de Vilagarcía para a Avenida da Mariña e Doutor Tourón son motivo de crítica e desacordo nas filas populares e nacionalistas.
Desde o grupo do PPdG sinalan que son medidas que evidencian unha xestión caótica baseada na improvisación, unha sinalización inexistente no código de circulación e que obrigan os peóns a invadir a calzada.
"O mércores instalouse unha sinalización que limitaba a parada de vehículos a 15 minutos. Hoxe ese sinal xa desapareceu e o goberno anuncia que o límite será de media hora. Un día quitan a zona azul dun lado da rúa e ao seguinte pretenden trasladala á beirarrúa de en fronte. Esta forma de actuar, sen criterio e cambiando de opinión da noite para a mañá, só xera confusión e malestar no día a día da nosa cidade", critica a concelleira Ana Granja.
Lembra que "en 2024 pagouse con diñeiro público un Plan de Mobilidade para esta contorna e aínda non sabemos que é o que se propón" e esixen "que se actualice dunha vez a Ordenanza de Circulación, que leva xa anos en redacción e só pendente dunha firma".
A solución, estiman desde o grupo popular, non está en "obrigar aos afectados a acatar ocorrencias que logo hai que rectificar aos dous días porque non funcionan", senón en "deseñar un plan serio, ordenado e, sobre todo, acordado cos comerciantes e os veciños da Avenida da Mariña".
"Enviar os peóns á estrada"
Pola súa banda, o BNG tamén expón o seu frontal rexeitamento ás novidades incorporadas facendo fincapé no tránsito de persoas: "é incomprensible que nunha avenida que dispón de amplas beirarrúas, o Concello decida enviar aos peóns á estrada", critican.
E engaden a esa circunstancia o que consideran é o "verdadeiro problema": "que boa parte desas beirarrúas están ocupadas, nalgúns tramos case na súa totalidade, por terrazas que dificultan ou mesmo impiden o paso".
Defenden que "as beirarrúas son por definición un espazo reservado para peóns; especialmente maiores, persoas con mobilidade reducida, carriños e menores. Obrigar a utilizar a calzada cando existe espazo suficiente nas beirarrúas non se corresponde co modelo de cidade que defende o BNG".
Anuncian que van solicitar unha reunión urxente ao goberno que preside o socialista Alberto Varela "esixindo que rectifique esta decisión, recupere as beirarrúas para o seu uso natural e faga cumprir os límites de ocupación das terrazas, garantindo que o espazo público sexa, antes de nada, un espazo pensado para as persoas".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.