As voces de mulleres de familias represaliadas resoaron no CITA

Pontevedra
23 de novembro 2016

O CITA acolleu este martes unha mesa redonda na que participaron catro mulleres de familias represaliadas. Nela, relataron as feridas -físicas e psicolóxicas- que provocaron nelas e nos seus a represión sufrida durante la ditadura franquista

O CITA acolle unha mesa redonda con  mulleres de familias represaliadas
O CITA acolle unha mesa redonda con mulleres de familias represaliadas / Mónica Patxot

O CITA acolleu este martes unha mesa redonda na que participaron catro mulleres de familias represaliadas. Nela, relataron as feridas -físicas e psicolóxicas- que provocaron nelas e nos seus a represión sufrida durante la ditadura franquista.

Mena Rey, filla de Fina Dios (familia do Ferreiro do Pino); María Lores, neta de Aurelio Torres e Isolina Villaverde (Mourente); Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez; e Margarita Caballero, irmá de adopción de Manuela Gómez Lodeiro (orfa de Elvira Lodeiro e Manuel Gómez Corbacho) estiveron acompañadas de Montse Fajardo, xornalista e escritora que se encargou da presentación e moderación do coloquio.

Todas elas contaron as súas experiencias ante un auditorio cheo e que se emocionou con algún dos seus relatos.

Mena Rey é filla de Fina Dios, mestra depurada, rapada e encarcerada. Mena tamén tivo á irmá de súa nai no cárcere e o seu tio, Edelmiro Dios, apareceu torturado e morto no cemiterio de Bora.

María Lores é neta de Aurelio Torres e Isolina Villaverde. O corpo de Aurelio apareceu nunha cuneta de Bora, barbaramente torturado e cos xenitais metidos na boca. Isolina tivo que sacar adiante soa aos seus fillos.

Amalia Bóveda é filla de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez. O seu pai foi fusilado na Caeira e a súa viúva quedou con catro fillos pequenos e unha quinta que levaba no ventre.

Margarita Caballero é a irmá de adopción de Manuela Gómez Lodeiro, Manolita, filla de Elvira Lodeiro, unha das dúas mulleres fusiladas en Pontevedra, e de Manuel Gómez, queimado nun alpendre de Salcedo. Margarita é tamén filla de Mauro Caballero, dono dunha imprenta e dunha funeraria de Pontevedra que viviu agochado tres anos nun oco da cociña. Os seus irmáns, Carlos e Federico, tamén estiveron presos.

Esta actividade enmárcase dentro das actividades de Novembro, mes da memoria histórica que durante este mes ven desenvolvendo conferencias, proxeccións e actos de homenaxe en memoria das vítimas do alzamento fascista do 36.