Ascenden a tres os hospitalizados por Covid na área sanitaria tras unha xornada con 7 positivos e con 147 casos activos

Pontevedra
25 de agosto 2020

Dous dos hospitalizados permanecen na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), mentres que o terceiro atópase en planta no Hospital de Montecelo. Desaceleración no incremento de casos, que nas dúas xornadas precedentes fora notable

Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) Cristina Saiz

Despois de dúas xornadas moi negativas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, con 51 novos contaxiados de coronavirus entre os dous días, o balance oficial ofrecido este martes 25 de agosto pola Consellería de Sanidade reflicte unha desaceleración no incremento de casos.

En concreto o Servizo Galego de Saúde sitúa en 147 os 'casos activos' na área pontevedresa, seis máis que o luns debido a que se rexistraron 7 novos positivos e deuse o alta epidemiolóxica a un paciente.

Deses 147 afectados, tres necesitan atención hospitalaria, ao ingresar en planta de Montecelo unha das persoas infectadas e que se une ás dúas que permanecen desde hai varios días na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do mesmo centro.

Por primeira vez no seu balance local, a área sanitaria incluíu tamén o número de probas PCR realizadas nas últimas 24 horas, con 144 para un total de 25.629 desde o inicio da pandemia.

As estatísticas de Pontevedra e O Salnés complétanse cos 959 pacientes que superaron o Covid e os 17 falecementos asociados ao virus.

No que respecta a Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública sitúa este luns os casos activos na comunidade en 2.580, o que supón un incremento de 128 con respecto ao luns. Deles 1.240 son da área da Coruña (+4), 352 da de Lugo (+31), 224 da de Ourense (+12), 147 da de Pontevedra (+6), 170 da área de Vigo (+15), 329 da de Santiago (+55), e 118 da de Ferrol (+5).

Do total de pacientes positivos, 13 están en UCI, 73 en unidades de hospitalización e 2.494 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 12.019 persoas curadas, rexistrándose 633 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 308.162.