Así de inundada amencía este martes a Rúa do Santo en Lourizán

Pontevedra
12 de decembro 2023

A veciñanza desta zona indica que os asolagamentos producíanse de madrugada con motivo das precipitacións. Esta situación volvía provocar este martes que os residentes non poidan entrar e saír das vivendas nin mesmo empregar os seus vehículos. Afirman que os traballadores de Viaqua recoñecen que o problema está nas canalizacións antigas que permanecen atascadas

A auga impide a saída das vivendas da Rúa do Santo
A auga impide a saída das vivendas da Rúa do Santo

A Rúa do Santo na parroquia pontevedresa de Lourizán volvía asolagarse durante a madrugada deste martes.

A situación, denunciada repetidamente pola veciñanza, provoca que os residentes se atopen co impedimento de entrar ou saír das vivendas debido á auga que se acumula diante das vivendas con motivo de que a rede de sumidoiros emana litros de auga ao exterior cando se rexistran precipitacións copiosas.

"A situación é xa insostible, saímos a inundación por semana cos problemas de saúde, traballo, persoais e materiais, ademais das dificultades para que os rapaces poidan ir ao colexio", manifesta unha persoa residente na Rúa do Santo.

Afirman que o Concello de Pontevedra segue sen poñerse en contacto cos afectados, que viven nesta contorna preto da praza da Igrexa.

Pola súa banda, indican que os técnicos de Viaqua recoñecen que o problema os "desborda" e que a causa destas inundacións atópase no mal estado das canalizacións antigas e no atasco destas tubaxes da rede de sumidoiros.