Así é a curtametraxe que promociona as Rías Baixas en Fitur tocando "o máis fondo dos sentimentos"

Pontevedra
18 de xaneiro 2018

"Somos historias" é unha curtametraxe que ten como fío condutor á coñecida como a Marquesa Roxa, a precursora do activismo en defensa das mulleres para amosar toda a riqueza patrimonial do destino Rías Baixas, "un lugar que é o verdadeiro paraíso", tal e como asegurou Carmela Silva

Curtametraxe: "Rías Baixas, Somos historias" / Deputación de Pontevedra

A Deputación presentou este xoves no Pavillón 9 de Fitur a acción promocional do destino Pontevedra provincia "Somos historias" ante un auditorio, un ano máis, repleto de xente.

A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada de Patricia Torres, a actriz protagonista da curta promocional, e o historiador provincial Diego Piay, deron a coñecer o papel decisivo de María Vinyals nesta campaña para coñecer ao través da súa figura o patrimonio histórico e natural da provincia de Pontevedra.

"Somos historias" é unha curtametraxe que toca "o máis fondo dos sentimentos" e que ten como fío condutor á coñecida como a Marquesa Roxa, a precursora do activismo en defensa das mulleres para amosar toda a riqueza patrimonial do destino Rías Baixas, "un lugar que é o verdadeiro paraíso", tal e como asegurou Carmela Silva.

Neste ano 2018, Ano Europeo do Patrimonio, a Deputación centra a súa campaña neste aspecto "porque a nosa cultura nos permite amosar un destino multiexperiencial, algo que marca o Plan Estratéxico de Turismo que aprobamos o pasado decembro e imos a implantar ata o 2020", dixo Carmela Silva.