Así é o novo mapa virtual de Poio Confía

Poio
21 de novembro 2020

A ferramenta, que estará dispoñible tanto na páxina web como nos perfís oficiais do Concello, ofrecerá todo tipo de información sobre os establecementos asesorados polo programa das concellerías de Promoción Económica e Turismo, e que garanten o cumprimento das medidas sanitarias e de aforo que marcan as autoridades pola covid-19

Poio Confía
Poio Confía

Preto dun cento de negocios do tecido comercial e hosteleiro do municipio están representados no mapa virtual de Poio Confía.

Trátase dunha ferramenta ‘on line’, que o Concello, a través dos departamentos de Promoción Económica e Turismo, están a ultimar, para poñela á disposición da cidadanía.

Neste contido, a veciñanza poderá consultar información vencellada a preto dun cento de negocios locais que dispoñen do selo distintivo que os acredita como establecementos seguros, que cumpren con todos os requisitos en materia de seguridade sanitaria, aforo e hixiene, decretada pola pandemia da covid-19.

O concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, e a edil de Turismo, Silvia Díaz, lembran que a día de hoxe son máis de 100 os negocios de Poio que foron asesorados a través deste programa. Con este mapa virtual, o que se busca é ofrecer á veciñanza unha ferramenta que resulte sinxela e efectiva á hora de buscar algún servizo que precisen.

Ademais, o Goberno local ten claro que tamén é prioritario darlle visibilidade ás pequenas empresas e autónomos, "para poñer en valor o seu esforzo e compromiso neste contexto tan difícil", explican os responsables de Poio Confía.

No mapa virtual hai un apartado especial para todos aqueles establecementos da hostalería que dispoñen de servizo de recollida de comida para levar ou de envío a domicilio. Os negocios hostaleiros interesados en sumarse a esta iniciativa poden enviar os seus datos á dirección de correo electrónico [email protected]. Ademais, ponse á súa disposición o teléfono 625120475 para resolver calquera tipo de dúbida.

O Concello lembra que tamén se porá en marcha proximamente a campaña ‘Quen é quen?’, co obxectivo de dinamizar o consumo de proximidade, poñendo en valor o comercio local, especialmente durante a campaña do Nadal con descontos e sorteos.