Así é o proxecto do Auditorio e Escola de Música do Grove

O Salnés
26 de marzo 2017

O goberno local di que só é preciso o apoio dos outros grupos políticos para que o proxecto se converta en realidade a partires deste mesmo ano

Recreación da fachada exterior do auditorio do Grove

Este sábado 25 de marzo, o grupo de goberno presentou aos grupos da oposición e aos veciños do Grove o proxecto técnico do auditorio do Grove no que se leva traballando máis dun ano.

Segundo se encargou de explicar o alcalde do Grove, Jose Cacabelos, trátase dun proxecto real e factible grazas a existencia de dous factores fundamentais: a existencia dun terreo que conta coas características adecuadas, e grazas as posibilidades reais e inmediatas de financiamento dos 4,2 millóns de euros nos que está orzamentado este edificio.

Deste xeito, o equipo redactor do proxecto, encabezado polo arquitecto grovense afincado na Coruña, Alfredo Vázquez, foi o encargado de presentar aos membros da oposición pola mañá e aos veciños pola tarde as particularidades dun proxecto que ocupará máis de 3.000 metros cadrados dunha finca municipal que chega a case 5.000 situada no Monte da Vila.

É un proxecto que, segundo as súas verbas, se caracteriza pola innovación, a optimización de recursos e a adaptación aos espazos no que se vai ubicar.

O proxecto inclúe unha sala de espectáculos multiconfiguración que permitiría un aforo de entre 500 e 700 localidades dependendo da disposición, ademais de salas para a Escola de Música plantexadas como multifuncionais que permitiría o seu uso como camerinos durante a celebración dos espectáculos.

A potencialidade fundamental do edificio se atopa na súa total e absoluta accesibilidade e no feito de que permita dotar a todos os equipamentos xa existentes no Monte da Vila dun "ágora" ou praza que humanice a zona. Ao tempo, o plantexamento dun elevador na zona este do edificio (con saída ao lado do antigo pavillón) servirá non só para mellorar o acceso ao propio auditorio, senón a toda a zona alta do monte, onde se atopan o campo de fútbol e o centro de saúde.