Así serán as festas na cidade: "sen aglomeracións e con actuacións simultáneas"

Pontevedra
12 de xuño 2020

Entre todos os espazos suman un aforo de 2.098 persoas sentadas, contabilizado coas distancias e medidas de seguridade vixentes neste momento. O espazo con máis aforo é a praza de España, con cabida para 314 persoas, e o máis reducido a praza de Barcelos con capacidade para 70

Público novo e veterano en actos das Festas da Peregrina
Público novo e veterano en actos das Festas da Peregrina / Diego Torrado

As festas "sen aglomeracións e con actuacións simultáneas" que anunciara a finais do mes pasado a concelleira Carme da Silva, contarán con 13 escenarios en diferentes puntos do centro e dos barrios da cidade.

Esta multiplicidade de espazos permitirá, tal e como estaba previsto, combinar o calendario festivo e a programación de verán coa seguridade das persoas, tanto público como artistas e traballadores.

O servizo de Festas, que estivo durante as últimas semanas estudando os diferentes espazos dispoñibles, determinou a capacidade de cada un destes espazos atendendo ás distancias e medidas de seguridade vixentes neste momento. Isto é, todas as persoas estarán sentadas e a distancia de seguridade entre cadeiras é de dous metros, ao que se lle engaden os corredores e espazos necesarios para establecer os fluxos de circulación.

A capacidade de cada un destes lugares implicará, ademais, o deseño dunha programación que inclúa actuacións de diverso formato e coherente con cada un dos espazos, con opcións para todo tipo de públicos e con variedade de estilos e disciplinas como teatro, música, audiovisual ou maxia.

Neste sentido, Carme da Silva lembra que "temos unha cidade pioneira no seu modelo urbano o que nos permite adaptarnos ás circunstancias que hai en cada momento para poder programar ou reprogramar as distintas actividades".

O programa definitivo, que está sendo xa ultimado, contempla que a programación de verán dea inicio a finais de xuño e incluirá grupos, compañías e empresas de servizos culturais e de espectáculos maioritariamente de Pontevedra e da súa contorna.

Deste xeito, tal e como xa manifestara Carme da Silva "o esforzo por readaptar a programación dentro deste marco vai supoñer unha inxección de recursos importante para empresas da zona", ao que se lle suma a "dinamización do comercio e da hostelaría" que supoñen as festas e toda a programación de verán.

Os espazos e os seus correspondentes aforos son os seguintes:

  1. Praza da Ferraría: 187 persoas
  2. Praza da Pedreira: 77 persoas
  3. Praza de España: 314 persoas
  4. Xardíns Arquitecto Sesmeros (Alameda): 200 persoas
  5. Parque das Palmeiras: 150 persoas
  6. Pistas Campolongo: 300 persoas
  7. Parque Amalia Álvarez: 120 persoas
  8. Xardíns María Victoria Moreno: 160 persoas
  9. Praza da Curtidoira: 100 persoas
  10. Xardíns da Parda: 100 persoas
  11. Praza de Barcelos: 70 persoas
  12. Monte Porreiro: 200 persoas
  13. Xardín paseo río dos Gafos: 120 persoas