Así serán os novos contedores de lixo en Vilagarcía

O Salnés
02 de maio 2023

A partir do 18 de maio están previstas melloras na recollida de lixo e limpeza viaria, que se irán aplicando de forma progresiva, segundo anuncia o goberno local. Urbaser, a nova concesionaria, amplía o horario de funcionamento do Punto Limpo, que contará cun Punto de Reparación e Reciclado

Novos contedores e o parque móbil de recollida de lixo en Vilagarcía
Novos contedores e o parque móbil de recollida de lixo en Vilagarcía

A partir do xoves 18 de maio iniciaranse as melloras de recollida de lixo e de limpeza viaria en Vilagarcía de Arousa, segundo anuncia o goberno local.

As primeiras medidas que se acometerán van centrarse na ampliación das frecuencias na recollida de residuos e nos labores de limpeza viaria e das praias do municipio.

Urbaser, a nova concesionaria do servizo, establecerá a recollida de materiais voluminosos durante cinco días á semana, de luns a venres. Ademais, asumirá a xestión do Punto Limpo, que amplía o horario de funcionamento e contará cun Punto de Reparación e Reciclado.

A recollida de lixo está prevista todos os días da semana nas zonas urbanas con actividade hostaleira. Poñeranse en marcha tres roteiros nos núcleos urbanos: o servizo convencional, o do contedor verde, en zonas de dinamismo hostaleiro ao longo de sete días á semana, un máis que agora. No resto de zonas urbanas será de seis días. Nas contornas rurais e periurbanos, os camións pasarán tres días á semana.

Estableceranse tamén novos servizos de recollida de cartón comercial, porta a porta; de restos de poda, da fracción orgánica a grandes produtores e establecerase un plan piloto domiciliario.

Está previsto que os novos contedores substitúan aos anteriores nun prazo máximo de catro meses e o novo parque móbil e de maquinaria do servizo de limpeza renovarase de forma gradual ao longo do próximos nove meses.