Asinado o convenio polo que Marín e a Xunta cofinancian os 4 millóns de euros do novo auditorio

Marín
29 de xuño 2021

Xunto á alcaldesa de Marín, María Ramallo, na sinatura do convenio estiveron presentes o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen lembrou que en 2024 o auditorio deberá estar a disposición dos veciños

A alcaldesa de Marín, 2ª desde a esquerda, seguida do vicepresidente primeiro da Xunta e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda trala sinatura do convenio
A alcaldesa de Marín, 2ª desde a esquerda, seguida do vicepresidente primeiro da Xunta e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda trala sinatura do convenio / Xunta de Galicia

O novo auditorio de Marín será o punto de encontro entre a vangarda, as manifestacións culturais dos vindeiros anos e o legado histórico-cultural dvila mariñeira. Así o puxeron de manifesto o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Marín, representado pola alcaldesa María Ramallo.

"Hoxe é un día importante para Marín, para que poidamos gozar de toda a cultura, o ocio e a dinamización, dotando á nosa vila dunha infraestrutura cultural equipada e chea de posibilidades", manifestou a alcaldesa María Ramallo.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou que "é un día importante para Galicia" e para a vila de Marín, froito dun acordo "entre dúas administracións que están a facer un esforzo importante que valerá a pena cun resultado para desfrutar todos os veciños".

A conselleira Ángeles Vázquez indicou que este edificio será o referente cultural en Marín para as vindeiras décadas, no que converxerán os movementos e manifestacións culturais, sendo un polo de dinamización do municipio. A conselleira recordou que en 2024 o auditorio deberá estar a disposición dos veciños.

O orzamento de execución deste equipamento municipal fíxase nos 4 millóns de euros, cofinanciados ao 50% polas dúas partes: Concello de Marín e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. O edificio terá unha superficie total construída de 2.700 metros cadrados e ubicarase nunha parcela entre o recinto portuario e a Escola Naval.

Todos os presentes destacaron que esta colaboración tamén permite mellorar a oferta de equipamentos sociais e culturais no núcleo urbano, con déficit deste tipo de dotacións, ao tempo que se fomenta a rexeneración económica, social e ambiental das inmediacións da única zona industrial do porto de Marín.