A Asociación Down Pontevedra 'Xuntos' protagonizará o acendido das luces de Nadal en Poio

Poio
09 de novembro 2025
Actualizado: 16:20

Poio presenta unhas festas participativas con música, Aldeas de Nadal e propostas para todas as parroquias

A Praza do Mosteiro de Poio acollerá o inicio das festas de Nadal
A Praza do Mosteiro de Poio acollerá o inicio das festas de Nadal / Concello de Poio

O espírito do Nadal está a piques de chegar a Poio. O sábado 29 de novembro a Praza do Mosteiro converterase no corazón da festa coa inauguración oficial do Nadal, coa conta atrás para o acendido das luces.

Este ano, este momento tan especial terá como protagonistas á Asociación Down Pontevedra Xuntos.

Con este xesto, o Concello quere recoñecer o labor desta entidade, que leva máis de tres décadas traballando pola inclusión e a mellora da calidade de vida das persoas con síndrome de Down e das súas familias.

A inauguración do alumeado dará tamén o pistoletazo de saída ás Aldeas de Nadal, espazos que, por terceiro ano consecutivo, encherán de vida as sete parroquias do municipio.

Este ano poderanse visitar nos muíños de Samieira, o parque de Lourido, o Adro de San Salvador, a Praza da Chousa de Combarro, o porto de Raxó, a Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño.

A popular carpa Poio Máxico, na Seca, volverá ser outro dos lugares de referencia dunha programación que o Concello presentará nos vindeiros días.

Avanzan, iso si, que será unha oferta ampla, participativa e pensada para todos os públicos, con actuacións, espectáculos itinerantes.

Para o goberno local esta programación é fundamental para dinamizar o comercio e a hostalería local, fomentar o consumo de proximidade e crear emprego temporal.

Ademais, engadiu o alcalde que a decoración e o ambiente festivo proxectan unha "imaxe moderna e acolledora de Poio".