A asociación animalista Libera e a Fundación Franz Weber volveron solicitar este mércores a suspensión do campionato de tiro ao pichón que, segundo o calendario provisional da Real Federación Española de Tiro ao Voo, celebrarase no Grove este mes de xullo.
Os dous colectivos lembran que reuniron máis de 35.500 firmas para acabar co tiro ao pombiño e solicitaron a suspensión da activida. Lembran que a Xunta pode facer efectiva esta suspensión se non outorga licenza algunha, atendendo á norma de 1993.
Os animalistas consideran coherente a supresión da licenza, xa que a Xunta inclúe no Proxecto de Lei de Benestar Animal o fin dos campionatos que consisten en masacrar miles de aves de pouca idade. Ademais, lembra que todos os grupos da oposición tamén están en contra.
As organizacións esperan que non se realice a actividade, prevista para a semana do 5 ao 9 de xullo. No caso de que siga diante, entenderían que o goberno galego, podendo tomar medidas preventivas, non prestaría suficiente atención a un espectáculo de extrema violencia, ademais de innecesario, pois existen alternativas éticas, como o uso de pratos ou hélices.
Estes colectivos tamén advertiron sobre a necesidade de non outorgar subvención algunha ás federacións encargadas da súa organización, ao entender que non deben recibir fondos públicos quen realiza prácticas crueis e evitables cos animais.