Ata 240 familias interesáronse xa polas axudas municipais para a compra de computadores

Pontevedra
05 de marzo 2021

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado por membros do seu goberno reuniuse este venres con representantes da Fanpa para explicar os detalles de liña de subvencións municipais Supera

Reunión do alcalde Fernández Lores e membros do Concello de Pontevedra con representantes da Fanpa
Reunión do alcalde Fernández Lores e membros do Concello de Pontevedra con representantes da Fanpa / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado por membros do seu goberno, reuniuse con representantes da Federación de Asociacións de Nais e Pais de Pontevedra para presentar o borrador das axudas do Plan Supera destinadas á compra de computadores.

Desde a Fanpa quixeron poñer en valor o "esforzo" do Concello por ofrecer estas axudas e mostraron a súa predisposición para comunicar estas subvencións entre os asociacios e mesmo axudar ás familias para tramitalas.

Así mesmo, suxeriron tamén algunhas modificacións para mellorar os pregos das axudas que se darán a coñecer nas próximas xornadas.

Esta convocatoria está a xerar un gran interese entre a poboación, pois o gabinete de alcaldía xa recibiu ao redor de 240 chamadas de persoas interesadas nestas axudas. O teléfono de información é 681 264 835 de luns a venres en horario de mañás.

O obxectivo destas axudas é atender unha nova modalidade de ensino que xurdiu coa pandemia e que obrigou aos centros de educación a buscar alternativas para seguir impartindo clases e, por tanto, tratar de corrixir a fenda dixital nalgúns sectores sociais. O Concello ten reservada unha partida de 400.000 euros para o pago destas subvencións que podería incrementarse se é necesario.

Os solicitantes deben ser familias empadroadas en Pontevedra con fillos menores de 18 anos e matriculados no curso 2020/2021 en centros de ensino público. Cada familia poderá recibir un máximo de 400 euros por computador comprado, e subvencionarase a adquisición de portátiles ou de sobremesa comprados entre o 14 de marzo do 2020 e o 31 de decembro do 2021. O anticipo da axuda é do 100%.