Atún Pescamar sobre maki con vinagreta

Pontevedra
27 de xullo 2019

Nesta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" imos elaborar unha receita tradicional do Xapón, o suxi, que presentaremos envolto na alga nori e co que aproveitaremos todos os beneficios dun dos peixes máis exquisitos e demandados: o atún claro

Maki, variedade de suxi envolto en alga nori Pixabay

Nesta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" imos elaborar unha receita tradicional do Xapón, o suxi, onde imos aproveitar todos os beneficios dun dos peixes máis exquisitos e demandados: o atún claro. Esta especie tamén é coñecida polo seu nome en inglés: "yellowfin tuna", traducido literalmente como atún de aleta amarela. A súa prezada carne é firme e rosada e de sabor máis suave que outros peixes da súa mesma familia.

Esta receita ofrécenola o FROM, o organismo do Ministerio de Agricultura e Pesca encargado de regular o mercado dos produtos do mar. O maki é unha variedade de suxi elaborado cunha folla de alga nori coa que se forma un rolo reenchido de arroz e outros ingredientes como peixe, marisco ou verduras.

Para preparar un delicioso Atún Pescamar sobre maki con vinagreta, necesitamos os seguintes ingredientes:

- 1 lata de Atún Claro en aceite de oliva Pescamar

- 4 follas de alga nori

- 5 patacas

- 2 cenorias

- 50 g. de chícharos

- 50 g. de xudía fina

- 1 ovo duro

- 80 g. de maionesa

- Unhas pingas de vinagre

- Sal

- Ceboliño

-  Cubos de xeo

- Unhas pingas de zume de limón

- 6 ravos

- 1 lata de ovas de troita (opcional)

Preparación:

Pelamos e cortamos en dados as patacas e as cenorias.

A continuación, cocemos todos os vexetais (agás os ravos) nun recipiente con auga e sal. Unha vez cocidos, escorrémolos e refrescamos en auga con xeo.

Para preparar a ensalada rusa, mesturamos as verduras co ovo duro picado, 100 g. de atún Claro en aceite de oliva Pescamar e a maionesa.

Rectificamos o sal e engadimos unhas pingas de vinagre. Sobre unha folla de alga nori, estendemos a ensalada rusa e enrolámola como un canelón para conseguir os makis.

Cortamos en toros os makis de ensalada rusa e enriba de cada un colocamos un montonciño de atún claro Pescamar sobrante da lata e, se se desexa, unhas ovas de troita.

Presentación:

Empratamos os ravos cortados finamente a toros e graduados. Enriba, colocamos en ringleira os makis de ensalada.

En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora