A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno nomear ao auditorio do centro Príncipe Felipe como auditorio José Manuel Pérez Matos 'Portu', traballador do organismo provincial recentemente falecido.
José Manuel Pérez Matos, coñecido por todos como Portu, faleceu o pasado 30 de setembro aos 62 anos, deixando tras de si un profundo ronsel de afecto e admiración. O alcume acompañoulle toda a vida pois naceu en Portugal e, desde entón, 'Portu' foi o nome co que o recoñeceron amigos, compañeiros e veciños.
A súa perda, consecuencia dunha agresiva enfermidade dexenerativa, golpeou con forza a quen o trataron. Moi coñecido polo seu paso como porteiro do Leis 26 Fútbol sala durante sete tempadas, tamén deixou pegada na Deputación de Pontevedra, onde traballou coa entrega que o caracterizaba.
Portu empezara na institución provincial sendo apenas un raparigo. Adoitaba chancear dicindo que levaba alí "desde o oito anos". Primeiro foi electricista; máis tarde, o seu carácter próximo e resolutivo levouno á área de Protocolo, un departamento onde se converteu en peza crave de cada acto e presentación que organizaba a Deputación.
A súa historia persoal estivo marcada por unha infancia difícil. Ingresou de neno, xunto á súa irmá, nun hospicio porque a súa familia non podía facerse cargo deles. Pouco despois foron separados: a el enviárono ao centro Príncipe Felipe, onde creceu rodeado doutros menores cos que mantivo unha estreita relación até o final dos seus días.
Hoxe, os que o coñeceron lembran a Portu non só pola súa traxectoria deportiva ou a súa impecable dedicación profesional, senón pola súa humanidade, a súa enerxía inesgotable e a súa capacidade para sumar sempre. A súa ausencia deixa un baleiro inmenso, pero tamén o legado dunha vida vivida con corazón.

O presidente Luís López remarcou que "Portu era máis que un traballador. Portu creceu na Deputación e simbolizou o servizo aos demais que está no ADN desta casa".
"Esta provincia, esta casa, non é o que é sen a xente e falar de Portu é falar dunha persoa que deixou unha profunda pegada na Deputación de Pontevedra", asegurou López.
O vindeiro martes , 2 de decembro, ás 18:00 horas, a Deputación de Pontevedra renderá unha homenaxe a Portu no auditorio que, en palabras do presidente, "levará o seu nome para sempre, como para sempre será lembrado entre nós".