A Deputación de Pontevedra xa ten todo a punto para dar a benvida ao Nadal. Este sábado, ás 18:30 horas, o Pazo Provincial acenderá o seu alumeado festivo nunha tarde chea de música, tradición e sabor doce.
O goberno provincial quere que este sexa "Un Nadal que saia do noso interior", lema que marcará a programación deste ano e que enlaza coa campaña turística 'Cando volves?', centrada no valor do interior da provincia.
O acendido dos 250.000 puntiños de luz eficientes que vestirán os edificios da Deputación virá acompañado pola actuación de Xigro’s Big Band, dunha chocolatada para compartir en familia e da inauguración dunha coidada mostra de adornos artesanais de vidro da colección ViCo, con pezas dedicadas ao mundo gandeiro, agrario, aos montes e á gastronomía da Pontevedra interior.
Tamén se presentará o Belén e a nova decoración do Pazo, inspirada no bosque autóctono galego, con carballos e vexetación da contorna. Unha referencia, segundo destacou o presidente provincial, ao "renacer dos bosques" tras a vaga de lumes deste ano.
A xornada festiva non remata no centro da capital. Tamén este sábado arranca o ciclo Entradiñas de Aninovo, que percorrerá a provincia durante o mes de decembro. A primeira parada será en San Miguel de Oia, onde a Filharmónica de Vigo ofrecerá un concerto gratuíto ás 19:00 horas.
O Museo de Pontevedra sumarase á programación o 19 de decembro coa inauguración da exposición "Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX". A mostra virá acompañada de obradoiros para nenos de 5 a 12 anos, que aprenderán a crear colaxes, deseñar publicidade ou elaborar o primeiro xornal do 2026. Celebraranse os días 12, 26 e 30 de decembro e o 2 de xaneiro, e o prazo de inscrición abrirase nos vindeiros días.
A Deputación tamén recuperará as súas tradicionais visitas máxicas ao Pazo provincial, pensadas para espallar ilusión entre os máis pequenos.
Con esta oferta cultural e festiva, o presidente Luis López agarda que a provincia viva "un Nadal cheo de ilusión, saúde e boas novas".