Augas de Galicia fixa no "horizonte" de 2023 a ampliación da depuradora

Pontevedra
14 de novembro 2018

Mentres tanto, xa se coñecen os detalles da mellora tecnolóxica que, a curto prazo, farase na actual estación depuradora de augas residuais dos Praceres. O Diario Oficial de Galicia informa da apertura do prazo de exposición pública desta actuación. As alegacións poderanse presentar durante o próximos trinta días

Estación depuradora de augas residuais dos Praceres PontevedraViva

Xa se coñecen os detalles do proxecto de mellora tecnolóxica da actual estación depuradora de augas residuais (EDAR) dos Praceres. O Diario Oficial de Galicia informa este mércores da apertura do prazo de exposición pública desta actuación. As alegacións poderanse presentar durante o próximos trinta días.

En liñas xerais, Augas de Galicia sinala que esta reforma da EDAR limítase a actuacións dentro do recinto da parcela que ocupa a depuradora. Con ela, búscase unha solución tecnolóxica a curto prazo para mellorar o tratamento biolóxico das augas residuais e, co caudal actual, cumprir cos límites de vertedura que fixa Bruxelas. 

Estas obras están cofinanciadas por fondos europeos FEDER, que achegarán o 80% do investimento previsto, que segundo consta na licitación ascende a 16.55 millóns de euros.

Augas de Galicia pretende resolver, especialmente, o que considera que é "principal problema" no funcionamento de depuradora, que o tratamento secundario das augas residuais non consegue "ningunha mellora" na calidade do efluente; aínda que lembra que en época de choivas, o caudal resulta "insuficiente" e a EDAR ten "problemas de capacidade".

Desde o punto de vista técnico, a intervención contempla a remodelación do tratamento secundario existente, co fin de garantir a depuración de ata 900 litros por segundo de auga residual.

Para iso, modificarase o reactor biolóxico existente para dispoñer dun tratamento de leito móbil (MBBR) e a posterior clarificación da auga cun proceso físico-químico con lastrado por microaena.

Ademais, reformarase o edificio de soplantes e control, ampliarase a liña de lama para ter en conta as novas achegas e mellorar o tratamento dos lodos secundarios e realizaranse unha serie de actuacións previas para manter o funcionamento da EDAR durante a execución das obras.

Con todo, Augas de Galicia reitera que para resolver a problemática do saneamento da ría de Pontevedra débese abordar unha actuación integral que pasa polo deseño dunha nova EDAR con capacidade "adecuada e eficaz", así como o dimensionamento e planificación das actuacións nos colectores e bombeos de responsabilidade municipal.

Esta actuación "definitiva" prevese, segundo a Xunta de Galicia, para o "horizonte" do ano 2023, ao entender que require unha tramitación "complexa", principalmente pola necesidade de obter novos terreos, xa que a superficie requirida para esta ampliación é "significativamente superior" á actual.