Operarios de Augas de Galicia están executando estes días unha serie de traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de seis ríos do Concello de Poio.
Estase a mellorar, concretamente, distintos treitos interurbanos dos regos da Cancela, do Mouro, do Pereiro, do Esperón, do Covelo e de Frierira ou dos Muíños, que pasan por distintas parroquias do municipio.
Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de 4,6 quilómetros.
Os traballos céntranse na roza selectiva e a retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
A Xunta realiza estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Sur e nas súas zonas de acceso e protección.