Augas de Galicia realiza labores de conservación no río Tomeza

Vilaboa
14 de xullo 2025
Actualizado: 16:32

Estase a traballar nun tramo fluvial de preto de 5 quilómetros. Estas tarefas prolongaranse durante arredor de 10 semanas

Traballos de conservación no río Tomeza
Traballos de conservación no río Tomeza /

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento nun tramo de preto de cinco quilómetros no río Tomeza, entre os concellos de Pontevedra e Vilaboa.

As tarefas, que se desenvolverán en varias parroquias destes municipios, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, na roza puntual e selectiva das zonas de acceso ás canles así como na eliminación de especies exóticas invasoras presentes na contorna e a estabilización das marxes.

Os traballos, xa comunicados aos Concellos, prolongaranse durante arredor de 10 semanas e realizaranse coa aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras.

Ademais o persoal contará co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como unha carretilla de carga, un tractor, un camión e unha escavadora. 

As actuacións céntranse en algo máis de 4,7 quilómetros do río ao seu paso polas parroquias pontevedresas de San Pedro de Tomeza, San Martiño de Salcedo e a Virxe do Camiño así como a de Santa Comba de Bértola, en Vilaboa.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección.

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.