O Partido Popular de Pontevedra levará ao Pleno municipal da próxima semana unha proposta na que reclama que o Concello reforce as tarefas de mantemento da contorna da canle fluvial ao seu paso polo barrio do Gorgullón.
A concelleira popular Raquel Martínez manifestou que desde o PP de Pontevedra queren potenciar este recurso natural e paisaxístico como zona de paseo, descanso e goce para a cidadanía.
Co obxectivo de dar maior visibilidade á riqueza medioambiental e patrimonial dos recursos existentes, os populares consideran que toda a contorna do Gafos require dunha "estratexia global" para ofrecer á cidadanía unha zona de esparexemento "segura, limpa e en óptimas condicións, máis se cabe para aproveitar os plans de destape do río ao seu paso polo barrio de Campolongo".
Martínez denunciou a falta de elementos básicos do mobiliario urbano como bancos, papeleiras ou iluminación "que pon de manifesto a falta de atención por parte dos responsables municipais".
Critican que os poucos elementos que existen están deteriorados, o que dificulta o seu uso e "xerará sobrecustos pola falta de mantemento dos mesmos".
Para o PP, un dos exemplos máis rechamantes nas proximidades da rúa Ponte Boleira é o Muíño do Coto, un dos oito que existen no tramo urbano do Gafos, que "está completamente abandonado, cheo de restos de lixo, con pintadas, a súa estrutura deteriorada e sen ningún tipo de sinalización ou protección".
Os populares aseguran que "ao continente hai que darlle contido" e sinalan que o Muíño do Coto non só ten un valor patrimonial e histórico, senón que tamén representa "unha oportunidade para a divulgación cultural, a educación ambiental e a revitalización da zona".
O PP de Pontevedra insistirá no Pleno do luns na necesidade de "acometer de maneira urxente a mellora integral da contorna do río Gafos" coa instalación e reposición de bancos, papeleiras e outros elementos do mobiliario urbano.
Así mesmo, reclamarase impulsar a rehabilitación e posta en valor do Muíño do Coto coa eliminación das pintadas, a retirada de residuos e o acondicionamento da contorna para garantir a súa protección e o seu posible uso didáctico ou cultural.