O proxecto de renaturalización do río Gafeños encara xa a fase final de tramitación. Este martes, 24 de xuño, dáse por "rematado o proceso de pasalo a contratación".
Así o confirmou o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, tras a reunión da Comisión de Mobilidade, Obras e Servizos.
Mosquera explicou que se pode encarar xa esta fase unha vez que o proxecto recibiu os informes favorables de Augas de Galicia e a Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Toda a documentación e os pregos xa están completos e, tal e como informou o edil, todo pasou xa a plataforma do servizo municipal de Contratación.
Agora, o goberno local confía en que o proceso de licitación sexa "o máis áxil posible", a pesar de que se trata dunha obra "complexa" con requisitos adicionais derivdos de contar con fondos europeos, pois está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
O concelleiro fixo referencia á carga burocrática do proxecto, pois "cada vez hai máis documentos que hai que facer", pero asegurou que "están todos feitos" e agora espera que "poida ir a un ritmo razoable".
A CORRUPCIÓN E AS OBRAS DE MOLLAVAO
Outra das obras importantes pendentes na cidade é o novo viario ao barrio de Mollavao, que nestes momentos está paralizado á espera dun informe do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif).
César Mosquera lembrou que o Concello está á espera de que Adif renove a autorización tras caducar a anterior, pero hai xa meses que non teñen noticia deste trámite.
"A única novidade que hai é que Adif está total e absolutamente paralizado", indicou Mosquera, que non dubidou en lembrar as "incidencias" que salpican a esta entidade pública, por "descabezar a cúpula directiva por problemas", en alusión ás acusacións de corrupción que salpican ao organismo.
César Mosquera indicou que desde finais de xaneiro hai un "compromiso" para emitir esa nova autorización e non dúbida en vincular esa paralización coa corrupción "polo que sabemos extraoficialmente".
A preguntas da prensa, indicou que a súa "composición de lugar" é esa porque, para el, é "branco e en botella".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.