Aumenta ata 4,1 millóns de euros o investimento da Xunta para mellorar o saneamento do río Lameira

Marín
02 de xaneiro 2026

O novo orzamento permitirá renovar a rede de colectores, construír un depósito de retención de augas pluviais e mellorar a estación de bombeo antes do verán

Acondicionamento do terreo para poder executar as obras de saneamento no río Lameira
Acondicionamento do terreo para poder executar as obras de saneamento no río Lameira / Concello de Marín - Arquivo

A Xunta de Galicia destinará finalmente 4,1 millóns de euros á mellora da rede de saneamento do río Lameira ao seu paso por Marín, despois de que a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, María Ramallo, asinasen unha addenda ao convenio entre Augas de Galicia e o Concello.

O incremento de 500.000 euros permitirá afrontar a complexidade técnica do proxecto, que beneficiará directamente a preto de 10.000 habitantes do municipio e que estará rematado no primeiro trimestre de 2026.

Entre as actuacións principais previstas figura a renovación do colector xeral do Lameira nun tramo de 1.600 metros desde a PO-313 ata a ponte Zapal.

Tamén está prevista a construción dun novo depósito de retención que regulará os caudais das augas pluviais que chegan á estación depuradora municipal e a mellora da estación de bombeo do Lameira.

Estes traballos contribuirán a rebaixar as escorrentías que desembocan no río, especialmente en períodos de choiva intensa, e a retirar o colector do leito do río para optimizar o sistema de saneamento.

A conselleira Ángeles Vázquez destacou que Marín conta cunha ampla rede que cobre tanto a zona urbana como gran parte das áreas rurais, concentrando no ámbito portuario a maior parte dos problemas de saneamento.

A alcaldesa María Ramallo e a conselleira Ángeles Vázquez
A alcaldesa María Ramallo e a conselleira Ángeles VázquezXunta de Galicia

As obras beneficiarán especialmente ás parroquias de San Xián de Marín e Santa María do Porto, nas que residen máis de 9.000 persoas e que aspiran a chegar a 10.000 usuarios no horizonte de 2042.

No deseño das intervencións, tivo especial relevancia o criterio de humanización dos espazos, co obxectivo de que toda a veciñanza de Marín, que ten manifestado as súas queixas polo atraso nas obras, poida acceder a esta contorna fluvial unha vez finalicen os traballos.