Aumenta a alerta polo aumento dos contaxios en Ribadumia, Cerdedo-Cotobade, Bueu e O Grove

Pontevedra
28 de outubro 2020

Ata 32 novos casos activos por covid-19 rexistra a cidade de Pontevedra desde onte. É o maior crecemento que se rexistra nos municipios da área sanitaria e demostra a preocupante evolución da pandemia

Incidencia da covid-19 nos concellos da área sanitaria a 28 de outubro
Incidencia da covid-19 nos concellos da área sanitaria a 28 de outubro / Servizo Galego de Saúde

Ata 32 novos casos activos por covid-19 rexistra a cidade de Pontevedra desde onte. É o maior crecemento que se rexistra nos municipios da área sanitaria e demostra a preocupante evolución da pandemia. Hai un contaxio novo cada 45 minutos.

En total, as persoas que teñen a infección activa en Pontevedra elévanse a 305, segundo os datos que achegou o goberno municipal. Esta cifra mantén á capital da provincia como un dos seis concellos co nivel de alerta 3 (vermello) activado.

Outro deles é Marín, que tamén sufriu un notable aumento dos contaxios nas últimas 24 horas. Os casos activos creceron ata os 57, dez máis que onte.

Desde o Concello piden a todos os veciños que extremen as precaucións e cumpran de maneira estrita todas as medidas de seguridade e prevención contra o coronavirus.

En Poio, pola súa banda, tamén segue crecendo a incidencia e hai este mércores 55 casos activos por covid-19. Son tres máis que os que había onte.

Entre os municipios en máxima alerta mantéñense tamén Soutomaior e Vilagarcía, aos que suma por primeira vez Ribadumia, como consecuencia dos 25 contaxios detectados na residencia de maiores que xestiona a compañía DomusVi, intervida agora pola Xunta.

No nivel de alerta 2 (laranxa) sitúanse dous municipios da área sanitaria. Por unha banda Cuntis, que continúa nesta situación un día máis; e por outra, Cerdedo-Cotobade, sobre o que as autoridades sanitarias elevaron a súa preocupación tras detectar entre 14 e 21 novos contaxios no últimos sete días.

Caldas de Reis, Vilaboa, Vilanova de Arousa (26 casos, un máis) e Cambados teñen activo o nivel de alerta 1 (amarelo). A esta listaxe, segundo os datos de Sanidade, incorpóranse outros dous municipios: O Grove e Bueu

O resto dos municipios da área sanitaria mantéñense no nivel de alerta 0 (verde), tras detectarse neles menos de sete positivos en covid-19 no últimos sete días.