Detectan outros 34 maiores contaxiados de covid-19 na residencia DomusVi de Ribadumia, que suma xa 66 casos

Pontevedra
01 de novembro 2020

En total, hai nesta residencia agora intervida pola Xunta de Galicia 58 usuarios e oito traballadores infectados pola covid-19. Na residencia de maiores Valvanera de Cambados tamén medrou a incidencia e hai en total 8 usuarios e 5 traballadores contaxiados, isto é, un total de 13 casos activos 

Test de covid-19
Test de covid-19 / Xunta de Galicia

A residencia DomusVi de Ribadumia, intervida esta semana tras detectarse 25 casos activos de coronavirus, suma xa un total de 66 contaxios tras detectarse nas últimas horas un total de 34 novos positivos. 

Segundo o balance facilitado polo Servizo Galego de Saúde este domingo, trátase de 34 usuarios desta residencia agora intervida pola Xunta de Galicia para a súa xestión. 

En total, hai nesta residencia 58 usuarios e oito traballadores infectados pola covid-19. En canto ao persoal, non se rexistraron variacións nas últimas 24 horas

Ademais, neste último balance, a Xunta de Galicia deu conta de que hai dous positivos máis entre usuarios da residencia de maiores Valvanera de Cambados. Neste centro hai agora en total 8 usuarios e 5 traballadores contaxiados, isto é, un total de 13 casos activos.

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén hai traballadores contaxiados nos seguintes centros: dous en Nuestra Señora de Los Dolores de Forcarei, un na residencia Ballesol de Poio, un na residencia Saraiva Sénior de Pontevedra, un na residencia Soremay de Pontevedra e un na Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa.