Sanidade confirma dous contaxios entre os traballadores da residencia de Vilaboa

Vilaboa
03 de novembro 2020

Entre os detectados nas últimas 24 horas atópanse dous traballadores da residencia de Vilaboa e un caso máis, o número 20, entre o persoal do centro que dirixe DomusVi en Ribadumia, onde os contaxios ascenden xa a 79

Test PCR no recinto feiral
Test PCR no recinto feiral / Mónica Patxot

Ata 679 casos de covid-19 rexístranse nestes momentos nas residencias de maiores de Galicia. Son nove máis que onte.

Entre os detectados nas últimas 24 horas atópanse dous traballadores da residencia de Vilaboa e un caso máis, o número 20, entre o persoal do centro que dirixe DomusVi en Ribadumia, onde os contaxios ascenden xa a 79.

Así o reflicten os datos oficiais achegados este martes polas consellerías de Sanidade e Política Social, que sinalan que en Galicia que hai contaxiados 432 usuarios destas residencias da terceira idade e 237 traballadores.

Ademais dos dous traballadores da residencia de Vilaboa, hai persoal con covid-19 (un en cada unha) nas residencias Saraiva Senior e Soremay, ambas as dúas en Pontevedra, a residencia Ballesol de Poio e a residencia Divina Pastora de Vilagarcía.

Pola súa banda, na residencia Nosa Señora Valvanera de Cambados continúan activos 16 casos, oito anciáns e oito traballadores do centro.

Pero, sen dúbida, a maior preocupación da rede asistencial pontevedresa segue sendo a residencia DomusVi de Ribadumia, onde hai 59 anciáns e 20 traballadores contaxiados.