Aumenta o orzamento municipal na Lama a 1.680.000 euros ante a previsión de suba do custe enerxético

A Lama
31 de outubro 2022

No documento aprobado en pleno recóllese que o goberno local disporá dun incremento de ingresos do 2,24% que será asumido polo aumento nos custes da enerxía e a inflación

Concelleiros do PP aproban o orzamento de 2023 na Lama, coa abstención de Ciudadanos
Concelleiros do PP aproban o orzamento de 2023 na Lama, coa abstención de Ciudadanos / Concello da Lama

A sesión extraordinaria da corporación municipal da Lama aprobou cos votos a favor dos concelleiros do PPdeG e a abstención de Cidadáns os orzamentos municipais previstos para 2023 cunha cifra de 1.680.000 euros. 

Increméntase, desta forma, en 36.800 euros o montante do anterior exercicio. O goberno local aumenta un 2,24% as partidas para facer fronte á inflación e á suba xeral dos prezos da enerxía e do combustible.

David Carrera, alcalde en funcións, explicou durante a sesión que a planificación destes orzamentos se establece sobre a austeridade, o control do gasto público e a procura de eficacia na xestión das contas municipais. Tamén reflicten, segundo expuxo, o compromiso coa estabilidade orzamentaria e o límite de gasto non financeiro da administración local.

O rexedor en funcións sinalou que este documento se caracteriza pola contención de impostos, taxas e prezos públicos, ademais do incremento moderado das axudas sociais, transparencia e autoridade no gasto.

Indicou que está previsto un aumento do 2,79% na partida actual para protección e promoción social alcanzando os 382.901 euros, coa intención de dar servizo a persoas usuarias do Servizo de Atención non Fogar (SAF), ao Centro de Información á Muller (CIM) e ao programa Xantar na Casa.

Tamén comprometeu 4.000 euros para dar cobertura económica ao Plan Madruga a través do ANPA Cadevergazo, do colexio público da Lama.

Por último, aprobábase unha transferencia entre partidas orzamentarias para dar cobertura ao inceremento do consumo enerxético e de combustible que se esgotou debido á inflación e ao incremento das tarifas, segundo o goberno local. Este punto do pleno aprobouse polos concelleiros do PP e de Cidadáns.