A partir do próximo martes 1 de xullo, A Illa de Arousa estreará o seu servizo de transporte urbano. Será unha liña circular en autobús que unirá o centro do municipio coas praias.
O billete, segundo informou o alcalde, Luís Arosa, custará 1,55 euros por viaxeiro, pero haberá descontos para os usuarios do cartón transporte da Xunta, até un 40%.
Os maiores de 65 anos e os menores de 21, pola súa banda, viaxarán gratis.
Este autobús, que circulará a diario até o 31 de agosto, sairá aproximadamente cada media hora entre as 15:45 e as 19:45 horas.
Os puntos de parada serán O Bao, Cruce Espiñeiro, Carreirón, Riasón, Cabodeiro, Porto Xufre, Cantiño, Travesía do Faro, Area da Secada, Testos, Praza do Campo, Cantiño, Porto Xufre, Cabodeiro, Riasón, Carreirón, Cruce Espiñeiro e, de novo, O Bao.

Todas as paradas, segundo Arosa, estarán sinalizadas e serán baixo demanda.
É dicir, o bus só se deterá se hai xente esperando nelas ou se alguén a bordo solicita baixarse nalgún dos puntos do percorrido.
O Concello estima que usarán este servizo unhas 4.300 persoas, algo que para o alcalde suporía reforzar a aposta do goberno municipal por unha mobilidade amable.
Este autobús, que xestionará a empresa Abalo, será posible grazas ao convenio asinado esta semana entre a Xunta de Galicia e o Concello da Illa de Arousa.
O custo estimado para as arcas municipais destes dous meses de transporte público será uns 13.000 euros.