Autocaravanistas galegos reclaman un espazo de estacionamento no Grove

O Salnés
14 de xuño 2023

Manuel Fernández-Arruty, presidente da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), enviou unha carta ao alcalde do Grove en funcións, José Cacabelos, para solicitarlle unha entrevista e pedirlle que deixe de "demonizar" os autocaravanistas e que busque fórmulas de colaboración para fomentar esta actividade que axuda, segundo indican, a desestacionalizar o turismo

Estacionamento de autocaravanas
Estacionamento de autocaravanas / AGA

Manuel Fernández-Arruty, presidente da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) enviou unha carta a José Cacabelos, alcalde en funcións do Grove, na que lamenta que o rexedor demonice os autocaravanistas.

Solicita por segundo ano consecutivo, a través do correo, unha reunión para expoñer a posición dos 800 autocaravanistas galegos. Sinala que a anterior misiva non tivo acuse de recibo.

O presidente do colectivo pide ao alcalde que se traballe conxuntamente para buscar fórmulas de colaboración que permitan unha xestión do autocaravanismo sostible. "O Grove é un dos poucos municipios turísticos de relevancia na costa galega que segue sen dispoñer dunha área de estacionamento de autocaravanas", afirma Fernández-Arruty. 

Acusa a Cacabelos de "denominar" os usuarios de autocaravanas polos problemas de masificación de vehículos que sofre o municipio do Salnés no verán. O representante lembra que no parque móbil en España, estes vehículos representan a menos do 1%.

Lembra ao alcalde que é importante a colaboración para fomentar o autocaravanismo, práctica que axuda a desestacionalizar o turismo, e expón que diferentes administracións aproveitan o crecemento desta actividade para crear áreas que axudan a optimizar o turismo de autocaravanas.

Por último, trasládalle o malestar do colectivo coa actitude do goberno local do Grove polas críticas e sinala que, anos atrás, en localidades como o Algarve o autocaravanismo era considerado un problema ata que decidiron velo como unha oportunidade e, hoxe, a rexión portuguesa recibe autocaravanistas de toda Europa ao longo de todo o inverno.