Tralo peche do prazo de presentación de propostas o pasado 31 de outubro, o Concello de Pontevedra xa completou o proceso de análise e selección para a XXVII edición de Noites Abertas, o programa municipal de lecer nocturno impulsado pola Concellaría de Xuventude. Finalmente, 93 actividades foron elixidas para integrar a programación, que se desenvolverá ao longo do primeiro trimestre de 2026.
Segundo informa o Concello, o proceso de filtrado foi "moi complexo", xa que implicou xustificar ante cada entidade os motivos da escolla ou rexeitamento das súas propostas. En moitos casos, foi necesaria unha negociación individualizada para axustar aspectos como as datas, o público destinatario, os horarios ou os espazos de celebración. O obxectivo final é configurar un programa equilibrado, plural e atractivo, que dea resposta aos diversos intereses da mocidade pontevedresa.
Nesta edición participaron 76 entidades, un 9% máis que nas Noites Abertas de 2025, cando se rexistraran 70. Tamén aumentou o número total de proxectos presentados, que pasou de 158 a 165. A análise por tipo de entidade revela que o maior incremento produciuse nas iniciativas impulsadas por autónomos e pequenas empresas, especialmente da cidade e da comarca.
O programa definitivo de Noites Abertas 2026 será presentado publicamente no mes de xaneiro, e incluirá, ademais das 93 propostas seleccionadas, actividades propias do Concello, como as actuacións do Local de Música.
O proxecto Noites Abertas naceu para ofrecer á mocidade de Pontevedra unha alternativa gratuíta e divertida de lecer, un espazo onde pasalo ben mentres se aprende e compártense intereses. Ademais, busca dar máis vida ás instalacións municipais —culturais, deportivas e educativas— aproveitándoas en horarios nos que adoitaban estar baleiras.
A súa esencia está na participación activa da mocidade, que non só gozan das actividades, senón que tamén propoñen, organizan e mostran os seus propios talentos, convertendo o programa nun auténtico escaparate de creatividade xuvenil.
Está dirixido a mozos e mozas de 12 a 30 anos, tanto de Pontevedra como da súa contorna, e mesmo doutras comarcas galegas. Cada ano reúne a unhas 6.500 persoas, a maioría menores de 25 anos.
Durante as fins de semana do primeiro semestre, Noites Abertas transforma a noite pontevedresa cunha ampla oferta de talleres, xogos, música e actividades formativas e participativas. Todo iso coa idea de vivir a noite doutra maneira, compartindo experiencias, aprendendo cousas novas e gozando en comunidade.