Tras máis de seis meses de espera, desde que a obra foi adxudicada, por fin poderá comezar a ansiada humanización da pasarela sobre o tren en Doce de Novembro.
O permiso do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), que mantiña retidos estes traballos, xa está en mans do goberno municipal, polo que as obras poderán comezar en xaneiro, xusto despois de nadal.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou este xoves que o Concello xa informou á empresa adxudicataria, Oresa, de que conta coa autorización para executar esta obra, que custará algo máis de 643.000 euros.
Esta actuación estará financiada pola Deputación de Pontevedra con cargo ao convenio que, por valor de 2,5 millóns de euros anuais, ten asinado co Concello.
O prazo de execución desta obra será de nove meses.
A obra estará dividida en tres zonas de intervención, da que a primeira, na zona máis próxima á calzada, terá chan de terra e converterase nunha zona verde. Levará unha liña de árbores para separar a calzada do espazo da pasarela.
Pola súa banda, a parte da cuberta do túnel, actualmente en formigón, pasará a ser unha zona de estar con diferente pavimento, como formigón branco e negro, na que se emprazará a maior parte do mobiliario urbano e que está pensada para paseo e xogo libre.
E, en terceiro lugar, a zona situada xunto ás fachadas traseiras dos edificios de Santa Teresa de Jesús Jornet manterase ao 100% en terra e será a principal área verde da contorna, con arboledo, xardín ou unha fonte.
O acondicionamento deste ámbito permitirá ademais acometer a conexión peonil con Santa Teresa de Jesús Jornet, que terá unha saída á nova pasarela e á Rúa das Hortas, cara aos novos edificios dos xulgados, mediante unha rampla.
Entre as árbores previstas para esta zona atópanse arces, cerdeiras, liquidámbares, cipreses ou unha xacaranda, segundo consta no proxecto.