Autorizan a ENCE a arranxar a tubaxe de auga danada pero condicionado a que sexa provisional

Pontevedra
21 de novembro 2022

Poderá facelo tras recibir a autorización do Concello que, con todo, aclara que este permiso concedido polo procedemento de emerxencia está condicionado a que estas obras sexan unha solución provisional para a situación na que se atopa a tubaxe

Fábrica de ENCE en Lourizán
Fábrica de ENCE en Lourizán / Mónica Patxot

A partir do próximo mércores 23 de novembro, a empresa Ence poderá comezar os traballos para arranxar a tubaxe de abastecemento de auga danada durante o período de inactividade da fábrica de Lourizán ao que se viron abocados pola seca na conca do Lérez.

Poderá facelo tras recibir a autorización do Concello que, con todo, aclara que este permiso concedido polo procedemento de emerxencia está condicionado a que estas obras sexan unha solución provisional para a situación na que se atopa a tubaxe.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que o informe emitido pola empresa concesionaria do servizo de augas, Viaqua, advirte que a solución proposta por Ence, fixar a tubaxe no sitio que quedou tras ser desprazada pola marea, debe ser temporal.

Deixala nese sitio, a medio e longo prazo, pode acabar provocando máis danos no resto da rede de abastecemento e saneamento, polo que a compañía deberá redactar, executar e financiar os traballos para devolver a tubaxe ao seu asentamento orixinal.

Neste "primeiro paso", segundo apuntou Gulías, para resolver os problemas do abastecemento de auga a Ence, a empresa deberá gastar 459.000 euros. As obras teñen un prazo de execución de cinco semanas, segundo consta na memoria de actuación.

Para poder autorizar estas obras, houbo que solicitar, entre outros, informes de Costas, da Xunta de Galicia, da concesionaria de augas, da Policía Local e dos servizos técnicos do Concello, aclarou a portavoz do executivo municipal.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora