Auxilian unha ciclista ferida despois dunha busca nocturna por Campañó

Pontevedra
15 de xullo 2026

A Policía Local de Pontevedra localizou a muller, que sufrira unha fractura de clavícula ao caer da bicicleta e alertar o 061 sen detallar o punto exacto onde estaba nas marismas da Xunqueira da Gándara

Ponte da Gándara na Xunqueira de Alba
Ponte da Gándara na Xunqueira de Alba / Deputación de Pontevedra (arquivo)

A Policía Local de Pontevedra localizou e prestou axuda a noite do martes 7 de xullo a unha ciclista que resultou ferida tras sufrir unha caída.

A intervención policial comezou despois de que o servizo de emerxencias sanitarias 061 solicitase apoio para atopar a muller, quen dera o aviso do accidente pero non fora quen de indicar o punto exacto no que se atopaba, na contorna das marismas da Xunqueira da Gándara.

Os axentes organizaron un dispositivo de rastrexo por diferentes espazos da zona. A partir das indicacións facilitadas por teléfono pola propia afectada e polos seus familiares, as patrullas lograron dar co seu paradoiro na parroquia de Campañó, onde se atopaba deitada no chan.

O persoal sanitario atendeu a ciclista no mesmo lugar do accidente e despois conduciuna a un centro hospitalario debido a unha dor intensa no ombreiro. Alí determinouse que presentaba unha fractura na clavícula dereita provocada polo impacto co chan.

DETIDO

Noutro servizo policial, os axentes detiveron o sábado 4 de xullo un home acusado de cometer dous roubos no municipio.

O primeiro dos furtos produciuse no interior dunha autocaravana, de onde levou dúas carteiras, e o segundo tivo lugar nun vehículo de repartimento, do cal subtraeu un teléfono móbil.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora