Aval ambiental á creación do gran parque entre Ernesto Caballero e José Malvar

Pontevedra
19 de abril 2026

Será un espazo dedicado á camelia con sendas e camiños accesibles, unha área infantil e espazos de socialización comunitaria con zonas de estancia e mobiliario funcional

Parcela en Ernesto Caballero
Parcela en Ernesto Caballero / Concello de Pontevedra

O Concello ten xa vía libre para desenvolver a gran zona verde prevista entre Ernesto Caballero, José Malvar e Loureiro Crespo, ao carón das vías do tren.

O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático autoriza a urbanización destes terreos, trece parcelas que no seu conxunto suman preto de 8.300 metros cadrados.

Os técnicos conclúen que "non son previsibles efectos adversos significativos" derivados do proxecto, sempre que se cumpra coas condicións incluídas na resolución.

Así, haberá que tomar medidas, entre outros ámbitos, para a protección dos leitos fluviais, da fauna e da vexetación, do patrimonio cultural, do propio solo, da xestión dos residuos ou en materia de integración paisaxística e restauración.

Toda esta área acollerá, segundo recolle o proxecto municipal, un parque dedicado á camelia con sendas e camiños accesibles.

Contará ademais cunha área infantil e con espazos de socialización comunitaria mediante a disposición de zonas de estancia e mobiliario funcional dentro do parque.

As actuacións inclúen o acondicionamento do terreo e labores preparatorios para as pavimentacións, así como a execución da área de xogos, o plantado de especies arbustivas, a sementeira de céspede e a instalación dun sistema de rega automatizada. 

Os traballos desenvolveranse, concretamente, nun espazo localizado entre as traseiras das edificacións das rúas Ernesto Caballero e Doutor Loureiro Crespo, limitando coa vía do tren.

Trátase dunha zona que actualmente está conformada por predios, algúns deles en estado de abandono total ou parcial, e outros dedicados ao cultivo hortícola e froiteiro.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora