Avanza a bo ritmo a humanización da travesía de Tenorio

Cerdedo Cotobade
17 de novembro 2020

A obra conta cun investimento conxunto Xunta-Concello de 800.000 euros. Os traballos mellorarán os accesos do centro de saúde, centros educativos, turísticos, como o Mosteiro, establecementos comerciais e numerosas vivendas

Obras na travesía de Tenorio
Obras na travesía de Tenorio / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo Cotobade informa que "avanza a bo ritmo" a humanización da travesía de Tenorio. É unha obra que conta cun investimento conxunto Xunta-Concello de 800.000 euros.

Os traballos mellorarán os accesos do centro de saúde, centros educativos, turísticos, como o Mosteiro, establecementos comerciais e numerosas vivendas.

A intervención contempla a demolición das beirarrúas e a execución de dúas sendas por ambas as dúas marxes da estrada, cun ancho que duplicará o das antigas beirarrúas e contará cun bordo de protección.

Tamén se está habilitando unha zona específica destinada ao aparcamento de vehículos.

Outra das actuacións importantes que se están levando a cabo é a substitución da actual iluminación por un novo sistema con tecnoloxía LED, que se complementará con luz específica para os pasos de peóns, tanto vertical como horizontal.

Para completar toda a mellora, a actuación inclúe a execución de dous muros de contención, o retranqueo do saneamento de pluviais e o reforzo da sinalización.

Paralelamente a estes traballos estanse a acometer tamén as obras de mellora do saneamento, que supoñen a execución dunha rede de colectores e unha nova depuradora, cun investimento de 1,7 millóns de euros e que se atopan tamén na súa recta final e tamén se está a construir o centro sociocultural de Tenorio que, cun investimento de 583.092 euros, albergará gran parte da actividade cultural e social desta parroquia do municipio.