Cerdedo-Cotobade saca a contratación a senda peonil de Tenorio

Cerdedo Cotobade
23 de decembro 2020

O alcalde destaca que a obra atende unha demanda da comunidade educativa e dos veciños e permitirá tamén solventar problemas orixinados polas augas pluviais ademais de soterrar a liña eléctrica alí existente

Pista deportiva exterior en Tenorio
Pista deportiva exterior en Tenorio / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de sacar a licitación pública, por importe total de 54.200 euros, a senda peonil de acceso aos equipamentos públicos de Tenorio que permitirá mellorar a seguridade vial no acceso á zona escolar dende a ponte que cruza a carretera nacional N-541, bordeando o muro do centro educativo alí existente, ata a pista polideportiva.

Aproveitarase a obra para soterrar a liña eléctrica, retranquear os postes de telecomunicacións alí ubicados, colocaranse bolardos plásticos reflectantes e tamén se acometerá a canalización de pluviais para recoller as augas das pistas deportivas, así como o desvío aéreo do tendido telefónico.

O alcalde Jorge Cubela salientou que esta nova pista peonil reforzará o proceso de humanización que se está a levar a cabo en Tenorio, e noutros lugares do municipio, dentro da aposta do grupo de goberno por mellorar as condicións de vida e de seguridade vial das persoas que residen en zonas rurais.

Nesta ocasión trátase da execución do pavimentado dun ensanche existente no acceso aos equipamentos públicos de Tenorio a través dunha senda peonil lateral de acceso en formigón de color.

Segundo o alcalde, Jorge Cubela, esta obra promóvese pola necesidade de acadar un acceso seguro aos distintos equipamentos públicos no entorno de Tenorio como a escola infantil, o pavillón de deportes, o colexio, o instituto de ensino medio e as pistas polideportivas.