O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o concelleiro Pepe Pichel inspeccionaron o inicio das obras de construción da nova senda peonil que mellorará a seguridade viaria no acceso á zona escolar e pistas polideportivas de Tenorio.
Aproveitaron tamén a súa visita para comprobar o avance dos traballos realizados no colexio para canalizar as augas fluviais de tal maneira que non volvan supoñer un problema no inverno para a comunidade educativa nin para os viandantes que paseen por diante do centro escolar.
As obras da senda peonil fixéronse esperar debido á tardanza na obtención dos permisos necesarios para retranquear os postes do tendido eléctrico existentes e canalizar baixo terra tamén as liñas de telecomunicacións que discorren por onde irá a senda peonil. Deste xeito gáñase en espazo e mellora a imaxe da zona.
O Concello de Cerdedo-Cotobade adxudicou en concurso público, por importe total de 39.320 euros, a senda peonil desde a ponte que cruza a estrada nacional N-541, bordeando o muro do centro educativo alí existente, ata a pista polideportiva.