A nova senda peonil de Tenorio, situada na conexión entre o colexio e as pistas polideportivas, remata as obras de humanización que permitiron mellorar a seguridade vial dende a ponte que cruza a estrada nacional N-541, bordeando o muro do centro educativo.
As obras realizadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade supuxeron a creación dunha beirarrúa nova, a canalización de augas pluviais, a colocación de bolardos reflectantes, o retranqueo de postes, renovación da sinalización horizontal e vertical e colocación de farois coa última tecnoloxía LED para gañar en luminosidade ao tempo que se produce un importante aforro enerxético e redución de CO2.
Esta intervención na contorna do colexio de Tenorio foi aproveitada para dar resposta a unha serie de demandas da comunidade educativa, como a mellora da seguridade vial no acceso á zona escolar e ás pistas polideportivas.
Tamén remataron os traballos realizados no colexio para canalizar as augas pluviais e evitar problemas nos meses de inverno, cunha maior intensidade de chuvia, para os usuarios do centro educativo e os viandantes que paseen por diante do centro escolar.
A nova beirarrúa, que funcionará a modo de senda peonil, sufriu atrasos debido á tardanza na obtención dos permisos necesarios para retranquear os postes do tendido eléctrico existentes e canalizar baixo terra as liñas de telecomunicacións que discorren polo trazado peonil.
Desde o Concello de Cerdedo-Cotobade infórmase de que esta actuación supuxo tamén un aforro na licitación do 27%.
Explican fontes municipais que, aínda que a obra saíu a concurso en 54.200 euros, despois de que 15 empresas presentasen as súas ofertas, o consistorio adxudicou os traballos por importe total de 39.319,64 euros.