Unha nova senda en Tenorio comunica a Galiña Azul e o Instituto

Cerdedo Cotobade
07 de setembro 2022

O Concello de Cerdedo-Cotobade decidiu continuar coa humanización do entorno escolar de Tenorio coa construción dunha nova senda peonil en formigón ocre con borde en pedra entre a Escola Infantil Galiña Azul e o Instituto de Cotobade e a creación dun aparcadoiro que permita garantir a seguridade viaria dos alumnos e da comunidade educativa  

Novo espazo de aparcadoiro habilitado en Tenorio
Novo espazo de aparcadoiro habilitado en Tenorio / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade decidiu continuar coa humanización do entorno escolar de Tenorio coa construción dunha nova senda peonil en formigón ocre con borde en pedra entre a Escola Infantil Galiña Azul e o Instituto de Cotobade e a creación dun aparcadoiro que permita garantir a seguridade viaria dos alumnos e da comunidade educativa.

Esta nova actuación nesta zona escolar e de servizos deportivos conta cunha achega de 50.000 euros do Plan Concellos da Deputación.

A obra súmase ao proceso de humanización levado a cabo na conexión entre o colexio e as pistas polideportivas de Tenorio coa finalización da beirarrúa nova que dá sentido á senda peonil, a canalización de augas pluviais, retranqueo de postes e colocación de iluminación led, así como unha renovada sinalización horizontal e vertical da zona para ordenar e mellorar a seguridade viaria.

Este proceso de humanización dá resposta a unha serie de demandas da comunidade educativa.

Aproveitouse a pasada actuación para realizar o retranqueo dos postes do tendido eléctrico existentes e canalizar baixo terra tamén as liñas de telecomunicacións que discurren por onde vai o trazado peonil. Deste xeito gañouse en espazo e se mellora a imaxe da zona.

Segundo o alcalde, Jorge Cubela "deste xeito, conseguiremos un acceso seguro para os peóns, alumnos e pais así como veciños, aos distintos equipamentos públicos existentes no entorno de Tenorio como a Escola Infantil, pavillón de deportes, CEIP, o instituto de ensino medio, pistas polideportivos, etc".