A humanización da nova senda peonil de Tenorio xa está rematada

Cerdedo Cotobade
09 de outubro 2021

A actuación consistiu na finalización da beirarrúa que dá sentido á senda peonil, a canalización de augas pluviais, retranqueo de postes e colocación de iluminación led, así como unha renovada sinalización horizontal e vertical da zona para ordenar e mellorar a seguridade viaria

Obras de humanización na nova senda peonil de Tenorio
Obras de humanización na nova senda peonil de Tenorio

Rematou o proceso de humanización que o Concello de Cerdedo-Cotobade levou a cabo entre o colexio e as pistas polideportivas de Tenorio.

A actuación consistiu na finalización da beirarrúa que dá sentido á senda peonil, a canalización de augas pluviais, retranqueo de postes e colocación de iluminación led, así como unha renovada sinalización horizontal e vertical da zona para ordenar e mellorar a seguridade viaria.

Con esta intervención tamén remataron os traballos de canalización de augas fluviais no colexio para que deixen de ser un problema en inverno para os usuarios e viandantes. 

Ademais, desde o Concello explicaron que o retraso na obra da beirarrúa foi debido a falta de permisos para retranquear os postes do tendido eléctrico existentes e canalizar baixo terra as liñas de telecomunicacións que discurren por onde vai o trazado peonil. Agora gañaron espazo e melloraron a imaxe da zona.

Tamén instalaron farolas no entorno dotándoas da última tecnoloxía LED para gañar en luminosidade e aforrar enerxía e reducir a emisión de CO2.

"Con esta obra gañamos non so en seguridade vial senón tamén melloramos substancialmente a imaxe e o aspecto desta zona de acceso escolar", explicou o alcalde, Jorge Cubela. 

A obra levouse a cabo cun importe de 39.319,64 euros aínda que a concurso saíu en 54.200 euros, aforrando un 27% na licitación. Para o Concello o máis complicado da obra foi a xestión para conseguir os permisos pertinentes para levar a cabo o retranqueo de postes de telecomunicacións e eliminar liñas eléctricas aéreas que afeaban o entorno para soterralas e gañar en imaxe e seguridade.