Avanza a expropiación de terreos para construír o novo colexio do Revel

Sanxenxo
20 de xaneiro 2015

O Pleno da Corporación aprobou definitivamente, co voto en contra do BNG e a abstención de SAL, o proxecto da delimitación do polígono

Pleno do Concello de Sanxenxo
Pleno do Concello de Sanxenxo / Diego Torrado

O Pleno da Corporación aprobou definitivamente, co voto en contra do BNG e a abstención de SAL, o proxecto da delimitación do polígono no que se construirá o novo colexio do Revel.

O punto da orde do día da sesión, convocada de forma extraordinaria e urxente co obxectivo de non demorar os prazos administrativos, incluía tamén a relación de propietarios e bens afectados así como prestar aprobación definitiva ao proxecto de delimitación.

Durante o debate desta cuestión a alcaldesa, Catalina González, defendeu a xestión do Executivo ante os veciños asistentes e a oposición. "O obxectivo do Goberno do Partido Popular dende o ano 2003 é o de establecer en O Revel a maior zona de equipamentos do Concello de Sanxenxo, de 70.000 metros cadrados, e nesa liña vimos traballando sendo xa unha realidade o campo de fútbol e a escola infantil municipal", afirmou a rexedora.

Durante a sesión plenaria acordouse así mesmo estimar íntegra ou parcialmente 25 das 28 alegacións presentadas ao proxecto de delimitación do polígono de expropiación, sendo desestimadas pois tan só 3 das reclamacións.

A partir de agora o Concello de Sanxenxo iniciará o procedemento de expropiación que incluirá o levantamento de actas. Aqueles propietarios que mostren o seu desacordo coa valoración establecida no informe elaborado polos peritos e técnicos poderán acudir ao prezo xusto, resolto polo Xurado de Expropiación de Galicia, e en caso tamén de desconformidade, terán a oportunidade de acudir á vía xudicial.