Avanza o incremento de casos activos, con 307 máis, chegando a 7.354 na área sanitaria

Pontevedra
06 de xaneiro 2022

Continúa o mesmo número de persoas hospitalizadas que na xornada do mércores. Son 50 pacientes con covid, 43 en planta e 7 na unidade de Coidados Críticos de Montecelo. En Galicia detectáronse 4.869 positivos novos nas últimas 24 horas, son 96 contaxios diarios menos que o día 5 e 849 menos que hai unha semana. Nas últimas horas, a Consellería de Sanidade notificaba o falecemento de 14 persoas, unha delas no Salnés

Datos covid-19 na área sanitaria este xoves 6 de xaneiro de 2022
Datos covid-19 na área sanitaria este xoves 6 de xaneiro de 2022 / Consellería de Sanidade

Este xoves 6 de xaneiro volve alcanzar unha nova cifra máxima de casos activos na área sanitaria ao chegar aos 7.354 entre os distritos de Pontevedra e O Salnés. Trátase de 307 casos máis que na xornada do mércores. 

Das persoas infectadas, 7.304 recupéranse nas súas vivendas mentres que 50 pacientes permanecen hospitalizados, o mesmo número que onte. 43 atópanse en planta coa seguinte distribución: 36 no Hospital Montecelo; 4 no Hospital Quirón Salud de Pontevedra e 3 no Hospital do Salnés. A eles súmanse sete persoas enfermas de gravidade, que se atopan internadas na área de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.

Durante as últimas horas realizáronse 1.185 probas  diagnósticas, segundo Sanidade, que lanzan o resultado de 499 novos casos nestes distritos.

Nas últimas horas, Saúde Pública confirmaba a morte dun home de 69 anos no Hospital do Salnés, que contaba con outras enfermidades previas. O número de falecidos na área desde marzo de 2020 sitúase en 232 persoas con coronavirus. Desde o inicio do plan para facer fronte a esta situación curáronse 24.903 enfermos, 198 máis que onte.

O municipio de Pontevedra tamén segue incrementando casos positivos con 2.437 positivos este Día de Reyes, con 50 infeccións máis que o mércores.

DATOS EN GALICIA

O número de casos activos tamén avanza de maneira continua en Galicia. Os datos da Consellería de Sanidade mostran un total de 59.691 persoas co virus este xoves, un total de 3.235 máis que na xornada de onte. Desta cifra, 378 pacientes atópanse hospitalizados en planta, 24 máis que onte. Tamén hai 53 persoas ingresadas na UCI, onde se rexistra unha diminución de 3 enfermos respecto ao mércores.

Por áreas sanitarias, a repartición de casos activos é o seguinte: Vigo: 13.276 (+552); Santiago-O Barbanza: 11.090 (+523; A Coruña-Cee: 11.035 (+662); Pontevedra-O Salnés: 7.354 (+307); Ourense: 7.164 (+615); Lugo: 5.971 (+422) e Ferrol: 3.801 (+154).

Detectáronse 4.869 novos positivos nas últimas 24 horas. Trátase de 96 infeccións diarias menos que onte e 849 menos respecto a fai sete días.

Nas últimas horas, Saúde Pública notificaba a morte de 14 persoas, todas con patoloxías. É a cifra máis alta de decesos nesta sexta onda. O número de enfermos con  covid mortos en Galicia ascende así a 2.800.