Avanzan os traballos en San Pedro coa instalación do céspede sintético

Marín
17 de agosto 2021

Esta semana estase procedendo á remodelación do céspede do campo de fútbol de San Pedro, que pasará a ser de herba sintética de última xeración e no que se poderá manter a práctica de fútbol 11 e de dous partidos simultáneos de fútbol 7 en campo corto

O concelleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba, supervisa as obras do campo de fútbol de San Pedro Concello de Marín

As obras de mellora do campo de fútbol de San Pedro seguen o seu curso. Esta semana estase procedendo á colocación do céspede sintético.

A concellería de Deportes fai un seguimento a esta actuación de remodelación do céspede do campo de fútbol de San Pedro, que pasará a ser de herba sintética de última xeración e ao que se lle realizará un lastrado con area de sílice e caucho.

O céspede estase colocando sobre a base de asfalto existente tras realizar as oportunas nivelacións, necesarias en distintas zonas do actual terreo de xogo. Ademais, mellorouse a rede de rego engadindo cañóns de aspersión de auga de tipo emerxente.

A empresa Prace Servicios y Obras é a encargada desta tarefa, xa que foi a que mellor oferta presentou entre as 11 candidatas que concorreron á licitación. As obras adxudicáronse por un importe de 405.230,40 euros e a empresa comprométese a que estarán rematadas para o inicio da temporada.

Esta mellora tamén permitirá que no campo se continúe a práctica de fútbol 11 e de dous partidos simultáneos de fútbol 7 en campo corto.

En canto ao equipamento, a novidade será que as porterías de fútbol 7 serán pregables, con recollida na varanda que arrodeará o perímetro do xogo, segundo as distancias homologadas.

Dentro do proxecto, xa se demoleu a bancada descuberta, que pasará a ser parte do céspede, de tal xeito que este terreo gañado poida ser destinado ao quecemento para os diferentes deportes. O muro de lonxitude desa mesma zona foi tamén derrubado e substituído neste caso por outro a base de formigón armado.

Estes traballos súmanse a outras melloras implementadas en San Pedro, como a renovación das pistas e de toda a zona de vestiarios e baños, a instalación de asentos en toda a bancada cuberta ou a renovación do banco de suplentes e do marcador.

O Estadio Municipal de San Pedro é unha instalación deportiva moi utilizada por diferentes entidades de Marín, tanto de fútbol como de atletismo. Uns 250 usuarios utilizaban esta estrutura a diario, antes do inicio da pandemia.