A avenida de Rosalía de Castro, vía de titularidade da Xunta de Galicia que une os cascos urbanos de Vilagarcía e do Carril, foi o escenario do maior número de accidentes de tráfico no concello durante o ano 2024.
Segundo os datos facilitados pola Policía Local, esta arteria rexistrou 27 sinistros, incluíndo o único falecido en accidente de tráfico en todo o termo municipal.
No conxunto de Vilagarcía, producíronse 424 accidentes no pasado ano, dos cales o 80% non tiveron feridos. Con todo, houbo 101 accidentes con feridos leves, 6 con feridos graves e un desgraciado falecemento.
A avenida de Rosalía de Castro non só lidera o ránking de sinistros, senón que tamén foi escenario de 8 feridos leves, 3 graves e 15 colisións sen danos persoais.
O Concello de Vilagarcía indica que leva anos reclamando á Xunta de Galicia que asuma as súas responsabilidades no mantemento e mellora das vías da súa competencia, entre as que se inclúen a avenida de Rosalía de Castro, a avenida de Cambados, a avenida de Agustín Romero e a vella estrada de Bamio.
O alcalde, Alberto Varela, reiteroulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a necesidade de actuar nestas vías, especialmente tras o accidente mortal ocorrido en Rosalía de Castro.
A situación agravouse pola falta de mantemento, que non só afecta á seguridade viaria, senón tamén aos servizos municipais subterráneos. O Concello expón que investíu 120.000 euros para renovar a rede de saneamento e restaurar o firme na avenida de Rosalía de Castro, unha labor que, en teoría, corresponde á Xunta.
PEFIL DOS ACCIDENTES
Os datos revelan que os homes de entre 41 e 50 anos foron os máis afectados polos accidentes.
En canto aos vehículos implicados, os turismos lideran a lista, pero destaca o aumento de accidentes con Vehículos de Mobilidade Persoal (patinetes eléctricos), que se viron implicados en 21 sinistros, por riba das bicicletas (17) e preto das motos e camións (29 en ambos casos).
Por días da semana, os martes foron os máis propensos a accidentes, mentres que o tramo horario de maior risco se sitúa entre as 12:00 e as 16:00 horas, coincidindo coa saída do traballo e dos centros educativos.
Ademais da avenida de Rosalía de Castro, outras zonas con alta sinistralidade foron Valle-Inclán (25 accidentes) e As Carolinas (23).
En canto aos atropelos, rexistráronse 31 no total, sendo as rúas Doutor Tourón e Rodrigo de Mendoza as máis afectadas, con 3 atropelos cada unha.