Xusto cando se cumpre un mes do apagamento eléctrico na España peninsular e Portugal que deixou sen subministración durante horas a millóns de cidadáns, este martes o barrio pontevedrés de Mollavao revive hoxe aquel incidente.
Desde primeira hora da mañá Mollavao está sen luz por mor dunha avaría de Unión Fenosa Distribución (UFD), a distribuidora de electricidade de Grupo Naturgy.
O principal afectado deste cero eléctrico é o de Centro de Especialidades de Mollavao.
A actividade da Casa do Mar viuse alterada por esta incidencia.
Desde a área Sanitaria de Pontevedra informaron, ao once da mañá, que Fenosa está a habilitar un grupo electróxeno para dar continuidade do servizo asistencial na Casa do Mar.
Ás 11:30 horas foi reactivado o fluído eléctrico no centro de especialidades grazas a esta medida de emerxencia.
O xerente de Área Sanitaria de Pontevedra e Salnés, José Flores, indicou que este apagón "loxicamente, tivo unha afectación evidente en canto os pacientes que non puideron ser atendidos nesas primeiras horas".
"Polo tanto, acumulouse a actividade e tivemos que desprogramar algún paciente que será programado para os vindeiros días sen ningún tipo de problema", engadiu.
Desde a entrada en funcionamento dese xerador auxiliar na Casa do Mar están traballando "con total normalidade".
No primeiro balance oficial, José Flores informou de "aproximadamente uns 30 pacientes" os que non puideron ser atendidos conforme a súa cita nesta mañá e que van ser citados en próximos días.
O xerente asegurou que "tratamos desde o primeiro momento de manter toda a actividade, á vez que o tempo corría na nosa contra" durante esas horas nas que os pacientes se ían acumulando porque estaban citados, chegaban ao centro e non podían ser atendidos conforme o que estaba inicialmente previsto. "Entón o que fixemos foi chamar aos pacientes de última hora para que xa non se achegasen ao centro", engadiu.
"Pedimos desculpas, aínda que non foi unha avaría que dependese da Área Sanitaria, non dependía do Servizo Galego de Saúde, pedimos desculpas polas molestias ocasionadas aos pacientes", dixo o xerente que, ao mesmo tempo quixo "agradecer moitísimo a paciencia dos profesionais que estaban no centro esperando a poder atender aos pacientes e non podían porque non tiña luz", manifestou José Flores.