Axentes da Policía Local esixen o cesamento do seu xefe, Daniel Macenlle

Pontevedra
08 de novembro 2019

Medio centenar de axentes concentráronse este venres ás portas da xefatura despois do arquivo da denuncia presentada contra dous axentes municipais acusados de  sabotear un semáforo

Protesta dos sindicatos da policía local frente a xefatura
Protesta dos sindicatos da policía local frente a xefatura / Cristina Saiz

O persoal da Policía Local de Pontevedra mobilízase contra o seu xefe. Medio centenar de axentes concentráronse este venres ás portas da xefatura na rúa Alexandre Bóveda para esixir a mediación do goberno local nun conflito no que o plantel se sente maltratado polos seus superiores polo que esixen a renovación dos mandos do corpo.

"Queremos que o Concello medie para poñer a outro xefe", declarou o representante sindical e axente municipal, José Moldes.

Ataviados con pancartas nas que se podía ler: "Policía Local. Loitamos polo que é xusto" e " Nin manipulación nin sabotaxe, Macenlle colga o traxe", os axentes decidiron mobilizarse despois do arquivo da denuncia presentada desde a xefatura contra dous axentes aos que se acusaba de manipular un semáforo durante a carreira San Silvestre do ano pasado cometendo delitos contra a seguridade viaria. 

Un feito que os axentes entenden como unha represalia polas protestas previas dirixidas cara ao xefe, Daniel Macenlle, derivadas do malestar do persoal pola falta de efectivos e o desacordo pola repartición de quendas e xornadas de descanso.

O portavoz do Sindicato Profesional de Policías Municipais de España (SPPME) en Pontevedra, José Moldes, lembrou que ademais do cesamento do actual xefe de policía, os axentes denuncian que o número de efectivos é escaso para atender todos os requirimentos que lles esixen. Tampouco están de acordo co sistema actual de quendas e tamén alertan de problemas cos horarios e o sistema de descansos e libranzas.

A unión de todos os axentes, sindicatos do Concello e demais persoal para conseguir as súas reivindicacións son aspectos que o portavoz sindical tamén quixo destacar.