Axuda de 200.000 euros da Deputación a Marín para realizar diversas melloras

Marín
23 de xullo 2017

Marín leva recibido este ano xa máis de 600.000 euros a través do Plan Concellos, un 63,97% do total previsto que ascende a máis dun millón de euros, segundo a Deputación Provincial

Obras no primeiro tramo da rúa Concepción Arenal Concello de Marín

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou unha subvención de preto de 200.000 euros para o Concello de Marín dentro do Plan Concellos. Este diñeiro destinarase á mellora dos pavimentos do rural, con obras de acondicionamento en 16 vías do municipio.

Os traballos realizaranse nas parroquias de Ardán, Seixo, Mogor, San Xulián, O Campo e Santo Tomé. As actuacións centraranse na limpeza e construción de cunetas, a reposición e construción de pavimentos eliminando fochancas, entre outras medidas de acondicionamento.

A través do Plan Concellos, segundo a Deputación, Marín recibiu este ano máis de 230.000 euros para as obras de humanización da rúa Concepción Arenal, entre Jaime Janer e a Rúa da Roda; máis de 77.000 euros para pavimentar a rúa Recamán e 152.0000 euros para contratar 24 traballadores para servizos municipais.

Está previsto investir desde as arcas provinciais un millón de euros ao longo deste ano en Marín. Ata o momento se teñen financiado proxectos por valor de máis de 657.000 euros, o 63,97% do total.