Axudas directas de 400 euros a comercios, hostaleiros e autónomos de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
01 de abril 2020

Ponte Caldelas concederá axudas directas aos autónomos do municipio que tiveron que pechar os seus negocios ou que viron reducidos os seus ingresos debido ao estado de alarma decretado pola crise sanitaria do coronavirus

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas
Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas concederá axudas directas aos autónomos do municipio que tiveron que pechar os seus negocios ou que viron reducidos os seus ingresos debido ao estado de alarma decretado pola crise sanitaria do coronavirus.

O Concello destinará 45.000 euros a estas axudas excepcionais que se poñen en marcha para axudar aos negocios locais. Son dúas liñas de axudas directas, que se repartirán ata esgotar crédito, e que se entregarán baixo concorrencia non competitiva.

Ningún autónomo que o solicite e que cumpra os requisitos quedará sen axuda porque, segundo o alcalde, Andrés Díaz, "non imos deixar a ninguén tirado".

Haberá unhas axudas de 400 euros para os establecementos pechados e de 200 euros para actividades produtivas e establecementos cun peche parcial da actividade.

Díaz entende que este é un momento "circunstancial" que supón unha "paréntese" na vida das persoas, a nivel persoal e tamén laboral "e por iso é importante axudar para que os negocios sobrevivan a este parón e manteñan os postos de traballo".

Estas axudas directas son destinadas ao mantemento do tecido empresarial, comercial, de restauración e hostalería de proximidade, co obxectivo de mitigar os efectos económicos negativos que se poden producir en determinados sectores da economía municipal.

As axudas pagaranse por transferencia bancaria cun pago único. O Concello recomenda a todos os interesados na convocatoria que se poñan en contacto telefónico coas súas xestorías, que poderán facer o trámite a través da sede electrónica municipal sen necesidade de ter que saír da casa para conseguir ningún documento dos que se solicita na convocatoria.