Ponte Caldelas comeza o pago de axudas municipais a autónomos e pemes

Ponte Caldelas
13 de abril 2020

O Concello ten tramitadas 60 peticións de axudas de empresarios afectados polas medidas do estado de alarma aos que lle concederán 400 ou 200 euros en función do grao de afectación

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, realiza labores administrativos no seu despacho
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, realiza labores administrativos no seu despacho / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas comezou este luns a realizar as transferencias bancarias para o pago das axudas directas para autónomos e pequenas empresas do municipio que tiveron que pechar por motivo do estado de alarma provocado pola pandemia do coronavirus.

Desde as arcas municipais realizáronse esta mañá 18 transferencias, ás uq sumaranse outras trece programadas para este martes. En total son 60 as solicitudes de axudas tramitadas polos servizos administrativos do Concello caldelano. De todas elas, 46 teñen unha contía de 400 euros, mentres que as restantes ascenden a 200 euros e son para aqueles negocios que só viron reducida parte da súa actividade.

“Para min é importante realizar as transferencias o antes posible porque sei que é agora cando os autónomos e as pequenas empresas precisan o diñeiro", indica o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.