Xa está todo listo para que a Casa Rosada recupere, logo de dous anos de ausencia por mor da pandemia, a súa Festa de Nadal.
As dependencias municipais foron engalanadas nos últimos días con adornos e deseños típicos destas datas, que foron deseñadas polo alumnado do Programa Saudemente, impulsado pola Concellería de Benestar Social e Mocidade. A súa responsable, a concelleira Rosa Fernández, visitará a vindeira semana aos grupos de participantes neste programa para agasallalos cun pequeno obsequio, a modo de agradecemento pola súa implicación e colaboración.
Con respecto ao festival, este terá lugar o sábado 17 de decembro, desde as 17.00 horas.
Haberá sorteos de agasallos, incluída unha cesta de Nadal, unha estancia nun balneario con noite incluída para dúas persoas, baile e unha actuación musical ofrecida polo compositor Miguel Martínez.
Ademais, seguindo a tradición, haberá degustación de rosca para todas as persoas asistentes.
A cita comezará cunha sesión do Bingo Entretido, a través do cal tamén se repartirán agasallos entre os participantes.